20 abr 2012

Iº Certame de Fotografía Instantánea/Móbil Pontepedriña

CONCURSO FOTOGRÁFICO
Iº Certame de Fotografía Instantánea/Móbil Pontepedriña
Asociación Veciñal de Pontepedriña e Equipo de Dinamización Lingüística do IES de Pontepedriña

BASES
O Instituto de Ensino Secundario e a Asociación Veciñal de Pontepedriña, co fin de promover unha achega cultural ao coñecemento da contorna do noso barrio así como animar ao compromiso no seu coidado e desenvolvemento, decidimos promover o 1º Certame de Fotografía Instantánea Pontepedriña, que se rexerá polas seguintes bases:
1ª.- Todas as fotografías presentadas ao Certame deberán ser orixinais e ter como referencia -na súa máis ampla consideración- o entorno de Pontepedriña: o meu curruncho preferido do barrio, o que debe cambiar, a vida cotiá  en Pontepedriña, etc.
2ª.- Poderán participar neste Certame -cun máximo de dúas fotografías- tanto o alumnado do IES como veciños/as de Pontepedriña. Establécense dúas categorías: 1. Alumnado do IES da Pontepedriña. 2. Veciñas e veciños do barrio.
3ª.- As fotografías presentaranse por correo electrónico ou en man, en formato dixital, cun tamaño mínimo de 500 kb, en formato jpg, png, tiff... e irán acompañadas dun pé de imaxe, título e, se se quere, unha breve explicación.
4ª.- Considerando que unha das premisas deste certame é a  mostra de imaxes captadas coa inmediatez do acontecer diario do noso barrio, estímanse apropiadas as fotografías tomadas con teléfono móbil, sempre que teñan unha calidade suficiente que permita a súa correcta impresión para poder ser incluídas nunha exposición dos traballos presentados no IES e/ou Local Sociocultural.
5ª.- Valorarase a relación coa temática proposta, a calidade estética, a forza expresiva, a orixinalidade e calidade da fotografía e o pé de imaxe. As fotografías poderán ter sido modificadas por medios de tratamento informático de imaxes pero non se admitirán aquelas que desvirtúen ou modifiquen a veracidade da fotografía.
6ª.- O alumnado, no correo, xunto ás fotografías, debe incluír o nome e o curso, enviándoo ao enderezo: endlpontepedrinha@gmail.com, ou en man, nunha memoria USB entregándoa na Secretaría do centro. A memoria USB pódese retirar unha semana despois de rematar o prazo de presentación de fotografías.
- Os veciños e veciñas enviarán as fotografías, acompañadas do seu teléfono e enderezo ao correo: avv.pontep@gmail.com
7ª.- Prazos: O prazo para entregar as fotografías remata o día15 de maio do 2012
8ª.- Premios: Haberá tres premios para cada categoría
            1º premio: Cámara de fotos Pentax optio RS 1500, 14 mb e zoom óptimo de 4
            2º e 3º premio: Banda deseñada en galego
Un xurado composto por alumnado e profesorado do EDL do IES Pontepedriña e dous representantes da directiva da Asociación Veciñal Pontepedriña concederá os premios que se indican e que serán entregados nun acto que se anunciará oportunamente:
            9ª.- As fotografías poderán ser expostas no IES e no Centro Sociocultural, e tamén poderán inserirse nas páxinas web e/ou blogs do IES e da Asociación, así como incluírse na revista escolar e posteriores publicacións do IES e da Asociación Veciñal de Pontepedriña.
            10ª.- Os premios poden ser declarados desertos.
            11ª.- A participación neste certame supón a aceptación destas bases.



No hay comentarios:

Publicar un comentario