27 jun 2011

Visita á zona vella e á Catedral

O 28 de maio, sábado pola tarde, un grupo de veciños e veciñas do barrio tivemos a sorte de gozar cunha visita guiada polo Santiago histórico, grazas a nosa compañeira Marisol, guía oficial da fermosa Compostela. Primeiro visitamos as esculturas de Pepe Ruíz no Local Sociocultural e desde aí saímos camiñando cara a améndoa que conforma o pasado de pedra da nosa cidade.

Foi toda unha lección de historia, arte, urbanismo e patrimonio. Desde o Ensanche á Porta da Mámoa, desde Santa María Salomé á Quintana, e desde a San Martiño Pinario ata Praterías. Todos aprendemos moito porque, ainda que pareza imposible, a nosa amable, paciente e apaixoada guía si que sabe todo sobre o enorme patrimonio da nosa cidade. Grazas por compartilo con nós, e agardamos impacientes unha nova visita.

12 jun 2011

A obra poética de Álvaro Cunqueiro

O Consello da Cultura Galega organiza un faladoiro sobre A obra poética de Álvaro Cunqueiro, no que participarán Henrique Monteagudo, X. M. Salgado, Manuel Forcadela e Teresa López.

O acto terá lugar o 16 de xuño ás 19 horas no Salón de actos do Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, 2º andar).

Máis información sobre o Ano Cunqueiro

Os adeuses, fotos de Alberto Martí


O Museo do Pobo Galego expón, ata o 26 de xuño, a obra fotográfica de Alberto Martí Villardefrancos. O título da exposición, Os Adeuses, alude ao tema das fotografías: a emigración.

A mostra, organizada polo Consello da Cultura Galega e o Centro Galego de Artes e Imaxe (CGAI), componse de 73 fotografías en branco e negro que reflicten o éxodo galego cara América entre os anos 1957 e 1963, desde os portos de Coruña e Vigo. A exposició distribúese en tres áreas (A Ida, A Volta, e o Buque Santa María) con imaxes protagonizadas por xente anónima e polas súas experiencias arredor do embarque ou desembarque dos buques que os levaban cara a América.

Alberto Martí Villardefrancos naceu na Coruña en 1922 e aínda segue en activo, ordenando e clasificando o seu arquivo, que pode chegar a un millón de negativos. Recibiu varios premios nacionais e internacionais e a súa inquedanza fotográfica traspasou as fotos para cubrir noticias, reportaxes de vodas, reportaxes sociais... Entre estes traballos destaca a súa serie sobre a emigración.
Horario: de martes a sábado (10-14 horas // 16-20 horas); domingos e festivos (11-14 horas); luns pechado.
Tarifas do Museo: Ordinaria (3 €); Maiores de 65 anos e estudantes maiores de 16 anos (1 €); Socios, estudantes menores de 16 anos e traballadores no paro (gratuíta); Grupos a partir de 8 persoas (2 €)

Visita ás exposicións temporais, como a de Alberto Martí: gratuíta

10 jun 2011

Que ves cando me ves?


A Casa das Asociacións de Santiago abre hoxe unha exposición sobre os roles das mulleres a través da ollada de 18 artistas galegas
MARÉ . SANTIAGO
A Casa das Asociacións de Compostela acolle hoxe a inauguración da mostra Que ves cando me ves? que pretende abrir unha porta á "reflexión cidadá cuestionando ata que punto a total igualdade deixa de ser unha utopía, un espellismo" que 18 creadoras galegas contemporáneas tratan de fixar.
Nestas reflexións acerca do rol que xoga a muller traballadora no século XXI, sitúanse obras coma a de Tania Pérez Arribas, que xoga coa indumentaria para propor una analoxía discursiva entre xéneros. Partindo da vestimenta e da opresión que vincula este termo ao xénero feminino dende unha perspectiva historicista, Montse Rego, propón unha invitación mordaz á empatía entre homes e mulleres. Beatriz Suárez Saá e Sheila Pazos amósannos dúas visións da violencia e o maltratamento mentres que e a obra de Basilisa Fiestras remite a arquetipos da mitoloxía clásica.
Paula Cabaleiro representa unha reflexión acerca do tratamento da imaxe feminina e papel que desenvolve a muller na sociedade e nos medios de comunicación. Esta razoamento acerca da imaxe da muller está latente na obra escultórica de Xedes Peón, que nos amosa un corpo feminino fragmentado. A asimétrica concepción da maternidade e a paternidade, mestúrase na obra de María Move, que vincula a maternidade coa orixe na natureza. Carmen Hermo reflexiona sobre as dificultades de compatibilizar as condicións de artista e nai. A condición feminina e a de artista no mercado galego da arte artella o discurso de Renata Otero. A invisibilidade dende a que loita é un punto de encontro coa obra de Paz Vicente. Nanda Cabaleiro traballa a realidade desigual entre culturas, a través das tatuaxes de Henna con filigranas islámicas sobre pel feminina e o texto.
A muller emigrante protagoniza a obra de Silvia Capelo, que xorde da súa propia familia. A analoxía histórica que se debuxou entre a figura feminina e as "artes menores", é manipulada pola fotografía de Laura Piñeiro que converte os obxetos cotiáns das artes domésticas, como a costura, en armas de guerra, de loita. Outras artistas como Maria Meijide ou Magatzem 909 MC desenvolven discursos en torno á ambigüidade ou á transexualidade. María Chenut elabora unha mensaxe en favor dos proxectos que foron frustrados, abortados pola condición feminina das súas promotoras, mentres que Carmen Cabaneiro alude á razón como gaiola da utopía.