27 ene 2012

Cambios nas áreas de aparcadoiro para residentes


A nova ordenanza da ORA que o pleno aprobará de forma inicial esta tarde rebaixará de 90 a 60 minutos o tempo máximo de estacionamento nas zonas de curta duración. A medida afectará a oito rúas ou prazas da zona vella, as únicas de réxime reducido. Nas demais, as de réxime xeral e as de longa duración, manteranse os máximos actuais (120 e 240 minutos, respectivamente). Segundo a concellaría de Mobilidade, este recorte pretende dar maior rotación nun ámbito con poucas prazas e onde unha hora se estima suficiente para facer compras ou resolver xestións en oficinas ou institucións.
Polo demais, a ordenanza quedará practicamente como estaba no referente á ORA. Non será así no que respecta ás áreas de aparcadoiro para residentes, onde se concentran os maiores cambios respecto ao texto anterior. Neste caso, as zonas verdes de aparcadoiro abriranse de 9.00 a 20.00 horas para todos os cidadáns empadroados, previa solicitude dun cartón pola que terán que abonar unha taxa que aínda está sen fixar. Tamén se abre a posibilidade de estacionar nesas zonas ao comercio asentado nelas e a empresas doutros municipios que presten servizo en Santiago. Os residentes nos barrios con esas prazas poderán solicitar ademais un terceiro cartón por vivenda, no caso en que haxa tres vehículos censados nun mesmo domicilio.
A modificación desta ordenanza será unha das cuestións que centrarán o debate plenario, xunto co da ordenanza específica para as terrazas de establecementos hostaleiros, que tamén se presentará a aprobación inicial. Na primeira, os socialistas xa anunciaron o seu voto contrario, por entender que a proposta popular desvirtúa o espírito co que se crearon as áreas de aparcadoiro de residentes e que en horario laboral dificultará o estacionamento dos veciños dos barrios onde funciona ese réxime. Cre que así será polo menos en Vite, Pontepedriña e San Pedro, pola alta demanda externa de aparcadoiro.

26 ene 2012

Xaime Quessada Porto

Xaime cun retrato do seu fillo
Xaime Quessada naceu en Ourense en 1937 e morreu o 30 decembro do 2008. Pintor, gravador e escritor destacou polo seu compromiso político, foi militante da UPG e do Partido Comunista. Foi un dos grandes artistas galegos e súa obra exponse en todo mundo. A derradeira exposición da súa obra fíxoa na sede do Parlamento Europeo en Estrasburgo, cunha selección de cadros sobre os horrores da guerra (inspirada na obra de Goya), titulada Os dereitos humanos. Testemuñas. Tamén se viu influído por Picasso, chegando a realizar máis de mil versións do Guernica e outras tantas do Minotauro.
Formou parte da xeracións de artistas ourensáns alcumada co nome de 'artistiñas' por parte de Vicente Risco. Un grupo de pintores e escultores que frecuentaba a taberna O Volter, entre os que estaban tamén Virxilio, José Luis de Dios, Acisclo Manzano e Bouciños.
Foi Medalla de Ouro na Exposición Nacional de Bellas Artes de 1959 e Medalla Castelao en 2004, entre outros moitos premios. 
Tamén se adicou á literatura, publicando Cuentos crueles, Lucenza e El Recristo del Baraña, unha autobiografía que recrea os anos escuros da Ditadura entre 1939 e 1975, 'porque parece que nesa época no pasou nada', dicía.
O seu fillo, Xaime Quessada Blanco, tamén pintor, morreu un ano antes co seu pai, con só 30 anos.

23 ene 2012

NYC, maNY faCes, maNY plaCes, de Niti Laíño

Esta fin de semana puiden por fin ver a exposición de fotos do meu compañeiro Niti no Centro Sociocultural do Ensanche de Santiago (ata o 30 de xaneiro, en febreiro estará no Centro de Vite). A exposición está formada por 35 fotografías en branco e negro tiradas en Nova York no ano 2009.

As fotos, dunha indubidable calidade, amosan unha cidade moi distinta á tópica, á turística, trazando un percorrido polo cotiá, pola vida diaria dunha xente inconsciente de formar parte do 'centro do mundo'. Esta capacidade do fotógrafo para fuxir da mirada vacua do turista (unha das pestes dos nosos tempos), para ser quen de descubrir a esencia da cidade, de calquera cidade, que reside nos detalles das súas rúas e nas miradas dos seus habitantes é para min o gran logro da súa obra. As fotos de Harlem son realmente extraordinarias, suxerintes e cheas de sensibilidade, obríganos a deternos e contemplalas devagar.

Unha exposición máis que recomendable, un pracer estético e unha auténtica viaxe sentimental á verdadeira cidade.

19 ene 2012

Taller de masaxes para bebés no barrio

O vindeiro 29 de Xaneiro, domingo, terá lugar no CSC da Pontepedriña un taller de masaxes para bebés, impartido por Cristina Carracedo, asociada e veciña do barrio.
Para asistir necesítase aceite corporal para os nenos. Por cuestións organizativas o aforo limítase a seis bebés coas súas respectivas familias, segundo orde de inscrición, que se pode facer no centro ou no correo da Asociación.
É unha boa ocasión para crear comunidade entre as familias do barrio que acaban de ter fillos.

CURSO PRÁCTICO DE INGLÉS

A Xunta Directiva da AV Pontepedriña organiza a partires do 2 de Febreiro, unhas xornadas semanais para practicar inglés, de xeito oral, intercambiando opinións con Amy, veciña norteamericana do barrio. Haberá dúas quendas, unha para xente nova (de dez a dezasete anos, aproximadamente), e outra para adultos. A información recóllese no cartel.

14 ene 2012

Plan de actividades do 2012

Achégase o plan de actividades correspondente ao ano 2012 que dende a xunta directiva propoñemos para a súa aprobación na Asemblea Ordinaria do 27 de Xaneiro.

2012 planActividadesAsociación

Convocatorias das Asembleas, Ordinaria e Extraordinaria

A finais de mes celebraráse a primeira Asemblea Ordinaria dos Socios da Asociación do ano 2012, e a continuación a Asemblea Extraordinaria correspondente á renovación dos cargos.

Convocatoria Asambleas AVV