27 ene. 2012

Cambios nas áreas de aparcadoiro para residentes


A nova ordenanza da ORA que o pleno aprobará de forma inicial esta tarde rebaixará de 90 a 60 minutos o tempo máximo de estacionamento nas zonas de curta duración. A medida afectará a oito rúas ou prazas da zona vella, as únicas de réxime reducido. Nas demais, as de réxime xeral e as de longa duración, manteranse os máximos actuais (120 e 240 minutos, respectivamente). Segundo a concellaría de Mobilidade, este recorte pretende dar maior rotación nun ámbito con poucas prazas e onde unha hora se estima suficiente para facer compras ou resolver xestións en oficinas ou institucións.
Polo demais, a ordenanza quedará practicamente como estaba no referente á ORA. Non será así no que respecta ás áreas de aparcadoiro para residentes, onde se concentran os maiores cambios respecto ao texto anterior. Neste caso, as zonas verdes de aparcadoiro abriranse de 9.00 a 20.00 horas para todos os cidadáns empadroados, previa solicitude dun cartón pola que terán que abonar unha taxa que aínda está sen fixar. Tamén se abre a posibilidade de estacionar nesas zonas ao comercio asentado nelas e a empresas doutros municipios que presten servizo en Santiago. Os residentes nos barrios con esas prazas poderán solicitar ademais un terceiro cartón por vivenda, no caso en que haxa tres vehículos censados nun mesmo domicilio.
A modificación desta ordenanza será unha das cuestións que centrarán o debate plenario, xunto co da ordenanza específica para as terrazas de establecementos hostaleiros, que tamén se presentará a aprobación inicial. Na primeira, os socialistas xa anunciaron o seu voto contrario, por entender que a proposta popular desvirtúa o espírito co que se crearon as áreas de aparcadoiro de residentes e que en horario laboral dificultará o estacionamento dos veciños dos barrios onde funciona ese réxime. Cre que así será polo menos en Vite, Pontepedriña e San Pedro, pola alta demanda externa de aparcadoiro.

No hay comentarios:

Publicar un comentario