1 nov 2011

Magosto o 11 de novembro, San Martiño


O venres 11 de novembro, o día propio, de San Martiño, celebraremos no Local Sociocultural do barrio o magosto. As castañas serán gratis para todos e os bolos preñados e a bebida a 1€ cada un dos produtos. Agardamos que o tempo acompañe e pasemos unha tarde-noite de lecer e convivencia entre todos os veciños e veciñas.
Non podedes deixar de acudir, porque ademais contaremos coa actuación de La Maldita, un grupo de rock do que forman parte mozos do noso barrio e que nos ofrecerán as súas cancións cheas de forza e ritmo. Contamos contigo!!!

26 oct 2011

O primeiro e animado mercadiño de Pontepedriña

O pasado sábado, 22 de outubro, celebrouse a primeira edición do Mercadillo da Pontepedriña, cunha afluencia de visitantes alentadora de cara a celebración de novas edicións (en breve, a ser posible). Nel ademais de intercambiar obxectos, ou vendelos, puidemos gozar dunha tarde de convivencia, na que xurdiron novas ideas sobre o mercadillo por parte dos asistentes (periodicidade, obxectos de máis fácil intercambio...).

Ademais, os máis pequenos tamén tiveron unha tarde de xogos, posto que había unha cama elástica na que brincaron por ratos, e que foi cedida xenerosamente polos seus propietarios á Asociación.

En fin, un bo inicio para unha actividade que supón cambiar o concepto de mercado, posto que o troco é totalmente válido, e os prezos para nada abusivos. Saúdos, e esperamos que para o Magosto poidamos contar con unha climatoloxía tan favorable como a que tivemos este sábado.

2 oct 2011

Os 12 de Pontepedriña na Catedral

 
O 30 de setembro, cumpreanos de dous dos presentes, visitamos as escavacións arqueolóxicas da Catedral, nunha actividade cultural organizada pola nosa Asociación Veciñal.

12 sept 2011

Mostra de obras seleccionadas do escultor Francisco Asorey ata o 30 de outubro en Santiago


08.09.2011 
SANTIAGO. EP
San Francisco de Asís (procedente do Museo de Lugo)
A Fundación Gonzalo Torrente Ballester acollerá unha exposición de 14 obras seleccionadas do escultor cambadés Francisco Asorey, en conmemoración do 50 aniversario do seu falecemento, o pasado 2 de xullo. A mostra estará aberta ó público na sede compostelá da fundación desde este venres ata o 30 de outubro. 
 O comisario da mostra, Miguel Fernández-Cid, sinalou no acto de presentación da mesma, celebrado este xoves, que a exposición contará con algunhas "pezas esenciais" datadas nos anos 20 e principios dos 30, claves para comprender a obra deste escultor. Neste acto tamén estivo presente un dos fillos do artista, José Asorey. 
 O comisario informou que a mostra "busca promover o interese do espectador pola figura de Asorey" a través dunha exposición "pequena, pero na que as obras contan cunha enorme importancia pola súa calidade e simbolismo". 
 Fernández-Cid afirmou que Asorey é un artista "extremadamente mal coñecido" por parte do gran público, que "identifica as súas obras, pero non as relaciona con quen está detrás delas". Por iso, incidiu en que esta mostra pretende configurarse como a antesala dunha gran exposición acerca da figura do escultor, "que sen dúbida debe celebrarse en Galicia". 
 Así mesmo, Fernández-Cid valorou que en época de crise, "está ben" que estas exposicións impliquen un compromiso de restauración do patrimonio por parte das entidades. "Non debe ser un simple movemento de pezas dun lado a outro, senón que deben implicar unha actualización da importancia das pezas expostas", engadiu o comisario.

31 ago 2011

Amor Ruibal

Ángel María José Amor Ruibal naceu en Porráns (Barro, Pontevedra) o 11 de marzo de 1869 no seo dunha familia acomodada, e faleceu o 4 de novembro de 1930. Foi un destacado intelectual galego, de enorme erudición, cunha monumental obra en campos como a teoloxía, a lingüística, a filosofía ou a historia. Considérase o máis importante pensador católico da primeira metade do século XX e a súa obra aínda se considera vixente na actualidade.

Os seus estudos comezaron en Herbón e despois continuou no Seminario de Santiago. O exame de grao para o título de Doutor en Teoloxía acadouno co tema ‘Deus é inmenso e eterno’. Sendo sacerdote estudou na Universidade Gregoriana de Roma (1895-1896). En 1902 conseguiu ser nomeado cóengo de Santiago. Nunca aceptou ser nomeado bispo, preferindo adicarse ao seu labor de profesor de Teoloxía e Dereito canónico da Universidade Pontificia de Santiago.

Era políglota, manexando tanto linguas bíblicas e antigas –sánscrito, hebreo, grego, árabe, latín, siríaco, persa e copto- como modernas –galego, español, italiano, francés, inglés, alemán, etc.-. O seu prestixio fixo que fose consultado sobre os máis variados temas por párrocos, cardeais, xornalistas ou institucións españolas e europeas, e a súa obra foi traducida a moitas linguas, pero sempre mantivo a súa independencia dentro das correntes de pensamento da época. Entre os seus campos de investigación destaca a lingua galega da que afirmaba que ‘tiña aptitudes para todos os xéneros de forma literaria’. Deixou sen rematar un estudo científico do galego cun dicionario etimolóxico.
O colexio de Barro e numerosas rúas de cidades e vilas galegas levan o seu nome.

Placa na casa natal de Ángel Amor Ruibal en Porráns (Barro), co seguinte texto:

El muy ilustre señor
D. Ángel Amor Ruibal
canónigo doctoral, provisor y vicario
general del arzobispado de Santiago
modelo de sabiduría y humildad.
Homenaje de la Diputación Provincial de
Pontevedra al publicista de autoridad
internacional en filosofía, dogmática,
filología y cánones.
Nació en esta casa el 11 de marzo de 1859.
Murió en Compostela el 4 de noviembre de 1930.
3 de abril de 1951.

Fontes:
http://portal.civila.com/rgjimenez/angel-amor-ruibal
http://gl.wikipedia.org/wiki/%C3%81ngel_Amor_Ruibal

1 jul 2011

San Xoán 2011: todo un éxito!!!

A celebración do San Xoán foi todo un reto para nova Xunta Directiva. Sabiamos que era un acontecemento crucial na nosa presentación ante a veciñanza. Cremos que foi un éxito, polo que hai que felicitar, sobre todo, á Comisión de Festas constituída dentro da Directiva. Desde aquí tamén queremos dar as grazas aos músicos que contribuíron a crear un ambiente máxico, ás persoas que nos axudaron no traballo e, en xeral, a todas e todos os que viñeron a compartir esa noite con nós. Así dá gusto traballar.
Aquí vos deixo algunhas das poucas fotos que puidemos tirar. Non había tempo nin para iso. Boas vacacións para quen teña a sorte de poder desfrutalas.

27 jun 2011

Visita á zona vella e á Catedral

O 28 de maio, sábado pola tarde, un grupo de veciños e veciñas do barrio tivemos a sorte de gozar cunha visita guiada polo Santiago histórico, grazas a nosa compañeira Marisol, guía oficial da fermosa Compostela. Primeiro visitamos as esculturas de Pepe Ruíz no Local Sociocultural e desde aí saímos camiñando cara a améndoa que conforma o pasado de pedra da nosa cidade.

Foi toda unha lección de historia, arte, urbanismo e patrimonio. Desde o Ensanche á Porta da Mámoa, desde Santa María Salomé á Quintana, e desde a San Martiño Pinario ata Praterías. Todos aprendemos moito porque, ainda que pareza imposible, a nosa amable, paciente e apaixoada guía si que sabe todo sobre o enorme patrimonio da nosa cidade. Grazas por compartilo con nós, e agardamos impacientes unha nova visita.

12 jun 2011

A obra poética de Álvaro Cunqueiro

O Consello da Cultura Galega organiza un faladoiro sobre A obra poética de Álvaro Cunqueiro, no que participarán Henrique Monteagudo, X. M. Salgado, Manuel Forcadela e Teresa López.

O acto terá lugar o 16 de xuño ás 19 horas no Salón de actos do Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, 2º andar).

Máis información sobre o Ano Cunqueiro

Os adeuses, fotos de Alberto Martí


O Museo do Pobo Galego expón, ata o 26 de xuño, a obra fotográfica de Alberto Martí Villardefrancos. O título da exposición, Os Adeuses, alude ao tema das fotografías: a emigración.

A mostra, organizada polo Consello da Cultura Galega e o Centro Galego de Artes e Imaxe (CGAI), componse de 73 fotografías en branco e negro que reflicten o éxodo galego cara América entre os anos 1957 e 1963, desde os portos de Coruña e Vigo. A exposició distribúese en tres áreas (A Ida, A Volta, e o Buque Santa María) con imaxes protagonizadas por xente anónima e polas súas experiencias arredor do embarque ou desembarque dos buques que os levaban cara a América.

Alberto Martí Villardefrancos naceu na Coruña en 1922 e aínda segue en activo, ordenando e clasificando o seu arquivo, que pode chegar a un millón de negativos. Recibiu varios premios nacionais e internacionais e a súa inquedanza fotográfica traspasou as fotos para cubrir noticias, reportaxes de vodas, reportaxes sociais... Entre estes traballos destaca a súa serie sobre a emigración.
Horario: de martes a sábado (10-14 horas // 16-20 horas); domingos e festivos (11-14 horas); luns pechado.
Tarifas do Museo: Ordinaria (3 €); Maiores de 65 anos e estudantes maiores de 16 anos (1 €); Socios, estudantes menores de 16 anos e traballadores no paro (gratuíta); Grupos a partir de 8 persoas (2 €)

Visita ás exposicións temporais, como a de Alberto Martí: gratuíta

10 jun 2011

Que ves cando me ves?


A Casa das Asociacións de Santiago abre hoxe unha exposición sobre os roles das mulleres a través da ollada de 18 artistas galegas
MARÉ . SANTIAGO
A Casa das Asociacións de Compostela acolle hoxe a inauguración da mostra Que ves cando me ves? que pretende abrir unha porta á "reflexión cidadá cuestionando ata que punto a total igualdade deixa de ser unha utopía, un espellismo" que 18 creadoras galegas contemporáneas tratan de fixar.
Nestas reflexións acerca do rol que xoga a muller traballadora no século XXI, sitúanse obras coma a de Tania Pérez Arribas, que xoga coa indumentaria para propor una analoxía discursiva entre xéneros. Partindo da vestimenta e da opresión que vincula este termo ao xénero feminino dende unha perspectiva historicista, Montse Rego, propón unha invitación mordaz á empatía entre homes e mulleres. Beatriz Suárez Saá e Sheila Pazos amósannos dúas visións da violencia e o maltratamento mentres que e a obra de Basilisa Fiestras remite a arquetipos da mitoloxía clásica.
Paula Cabaleiro representa unha reflexión acerca do tratamento da imaxe feminina e papel que desenvolve a muller na sociedade e nos medios de comunicación. Esta razoamento acerca da imaxe da muller está latente na obra escultórica de Xedes Peón, que nos amosa un corpo feminino fragmentado. A asimétrica concepción da maternidade e a paternidade, mestúrase na obra de María Move, que vincula a maternidade coa orixe na natureza. Carmen Hermo reflexiona sobre as dificultades de compatibilizar as condicións de artista e nai. A condición feminina e a de artista no mercado galego da arte artella o discurso de Renata Otero. A invisibilidade dende a que loita é un punto de encontro coa obra de Paz Vicente. Nanda Cabaleiro traballa a realidade desigual entre culturas, a través das tatuaxes de Henna con filigranas islámicas sobre pel feminina e o texto.
A muller emigrante protagoniza a obra de Silvia Capelo, que xorde da súa propia familia. A analoxía histórica que se debuxou entre a figura feminina e as "artes menores", é manipulada pola fotografía de Laura Piñeiro que converte os obxetos cotiáns das artes domésticas, como a costura, en armas de guerra, de loita. Outras artistas como Maria Meijide ou Magatzem 909 MC desenvolven discursos en torno á ambigüidade ou á transexualidade. María Chenut elabora unha mensaxe en favor dos proxectos que foron frustrados, abortados pola condición feminina das súas promotoras, mentres que Carmen Cabaneiro alude á razón como gaiola da utopía.

24 may 2011

Relación dos problemas do barrio presentados ao Concello de Santiago

Os problemas do barrio ante o Concello (abril 2011)

21 may 2011

Xogos no Parque (20 de maio 2011)

Unha exposición que non hai que perderse


Levando os porcos á feira, diante do actual IES Rosalía de Castro
Atrévome a usar o blog da Asociación para recomendar con entusiasmo a exposición “Ruth Matilda Anderson. Unha mirada de antano”, que se pode visitar na sede da Fundación Caixa Galicia de Compostela, na Rúa do Vilar 19, ata o 5 de xuño.
A fotógrafa estadounidense traballaba para a Hispanic Society of America, que pretendía crear unha colección de imaxes de España. Con esa finalidade viaxou desde Nova York a Vigo acompañada polo seu pai Alfred, en agosto de 1924. Volveu en máis ocasións, realizando ata seis viaxes por España, case catorce min imaxes con notas e comentarios. Delas, cinco mil duascentas tirounas en Galicia, primeiro entre 1924 e 1925, e despois, acompañada pola fotógrafa Frances Spalding, entre 1925 e 1926.
As fotografías de Ruth constitúen un documento excepcional, tanto polo seu valor etnográfico e histórico, como polo pracer estético que provocan. Reflicten unha época hoxe perdida, pero que en moitos aspectos se estendeu ata principios dos anos setenta na Galicia rural. Son imaxes perfectamente contextualizadas grazas as notas que as acompañan e dunha extraordinaria calidade.
Todas as fotografías, comezando polas dos propios autores, son dunha enorme elocuencia que nos fai percorrer a sala devagar, demorándonos moito máis do previsto. A planificación e a exhaustiva composición non lles fai perder nin un ápice de vida. Información e emoción súmanse nunha unidade perfecta.

16 may 2011

Actividades maio-xuño 2011

O rei David, obra de Pepe Ruiz
A Asociación está a promover e a organizar unha serie de actividades culturais e festivas durante os meses de maio e xuño. Algunhas delas terán continuidade nos meses seguintes. Están dirixidas a todas as veciñas e veciños, aínda que os socios contarán con prioridade e descontos á hora de inscribirse nas mesmas.

-20 de Maio: Xogos no Parque Eugenio Granell, polo Ciclo de Animación Sociocultural do IES de Pontepedriña.

-27 e 28 de Maio: Exposición de esculturas da colección 'Anacos de Compostela" do escultor PEPE RUIZ.

-28 de Maio: Visita guiada pola casco histórico de Santiago e a catedral, a cargo dunha guía profesional.

- 23-24 de xuño: Cacharela de San Xoán no Local Sociocultural.

- Creación da Coral da Pontepedriña.

- Obradoiro de teatro para nenos no Local Sociocultural. Os mércores de 17,30 a 18,30.

- 'O pasado presente': Exposición de fotos antigas do barrio e entrevistas en vídeo cos nosos maiores.

10 may 2011

Santiago incrementa o 32% as prazas para maiores dependentes


A inauguración do centro da Fundación Otero-Martínez achega 150 prazas
REDACCIÓN- Galicia Hoxe
O centro residencial Fundación José Otero-Carmela Martínez, no barrio compostelán de Pontepedriña, comezou a funcionar onte. A residencia, de titularidade da Xunta, ofrece 150 prazas para maiores dependentes. A directora xeral de Dependencia e Autonomía Persoal, Coro Piñeiro, e os promotores do centro, José Otero e a súa esposa, Carmela Martínez, déronlles onte a benvida ós primeiros residentes. Piñeiro destacou que coa posta en marcha deste servizo social, Santiago conta nestes momentos con 475 prazas residenciais (incluídas as 150 novas de José Otero), o cal supón incrementar a oferta de prazas públicas en preto dun 32% na capital galega. A entidade social Fundación José Otero-Carmela Martínez construíu e cedeulle á Xunta as instalacións, nas cales a Consellería de Traballo e Benestar realizou un investimento en equipamento de preto de 440.000 euros.
A CERNA
Un convenio a tres bandas
A posta en marcha desta nova residencia parte dun convenio de colaboración a tres bandas: o Concello cedeulle a parcela á Administración autonómica, que foi a que a puxo a disposición da Fundación. Para o mantemento das prazas públicas desta residencia, a Consellería de Traballo e Benestar destinará máis de 6,6 millóns de euros ata 2013. A Fundación José Otero-Carmen Martínez reservou só vinte prazas das 150 dispoñibles no centro residencial, coa finalidade de cubrir as necesidades futuras dos traballadores das súas empresas e mais dos seus familiares.

8 may 2011

Exposición: "Contribución da muller ao desenvolvemento rural sostible"

O mércores 11 de maio ás 20 horas inaugúrase na Casa das Asociacións a exposición "Contribución da muller ao desenvolvemento rural sostible" na que poden verse excelentes fotografías con detalles da realización de artesanías, de rostros en primerísimos planos e instantáneas que nos achegan ao mundo do traballo rural.


6 may 2011

Parque Eugenio Granell

Impulso al proyecto de estación central del AVE en Santiago

29.04.2011 Fomento licita el complejo, que será una gran intermodal para integrar el ferrocarril, los autobuses y zona de aparcamiento//Se invitará a prestigiosos estudios de arquitectura

ANTONIO RÍOS SANTIAGO. El Correo Gallego

El Ministerio de Fomento, a través de Adif, acaba de licitar el concurso para la redacción de los proyectos básico y de construcción de la nueva estación intermodal de Santiago, un proyecto largamente esperado y que pone las bases para que la capital gallega pueda contar con la estación central del AVE. El presupuesto de la licitación, que se publicará próximamente en el Boletín Oficial del Estado, asciende a 2,3 millones de euros. Este visto bueno supone aprobar las bases del concurso que regirá la selección del equipo de arquitectos que se encargue de diseñar la futura estación de la alta velocidad en Compostela. A lo largo de la próxima semana el concurso, que se llevará a cabo mediante invitación a diversos estudios arquitectónicos a elaborar un primer diseño que después juzgará un jurado. Además de los representantes de Adif, en ese jurado estarán Raxoi, la Xunta, la Diputación y los colegios de Arquitectos e Ingenieros.
El contrato objeto de la licitación incluye el proyecto de un edificio ferroviario destinado al servicio y atención de los viajeros, un aparcamiento y una estación de autobuses, además de una adecuada conexión para los usuarios de los diferentes modos de transporte, "generando un área de intermodalidad y centralidad urbana. Entre las condiciones fijadas por Adif para la valoración de los proyectos presentados se encuentran criterios como la calidad urbanística y arquitectónica de las propuestas.
A esto habrá que sumar la creatividad e innovación técnica, así como los costes de mantenimiento basándose en criterios energéticos. Asimismo, los proyectos presentados deberán contemplar la integración del nuevo complejo en el entorno de la ciudad y la adopción de medidas medioambientales.
La selección de la propuesta técnica que aporte la mejor calidad arquitectónica y técnica será realizada mediante un concurso de proyectos con intervención del jurado.
Hay que recordar que precisamente hace un par de semanas se aprobó una inversión de 1,7 millones de euros para la actual estación del ferrocarril de Santiago. Se trata de realizar mejoras en las instalaciones con el fin de que pueda acoger la llegada del AVE, mientras no se construya la nueva infraestructura. Adif adjudicó estas mejoras a la constructora Comsa.
Entre otros cambios, se ampliará el andén número tres, en la zona opuesta al edificio actual, y se reformarán los pasos subterráneos, para incorporar un control de acceso a la vía del AVE y un ascensor, necesario para evitar barreras arquitectónicas.
DOS FASES
•••El proyecto de mejora de la actual estación del ferrocarril, que fue adjudicado recientemente a la constructora Comsa, pretende dotar a las instalaciones de las reformas precisas para acoger el AVE. Consta de dos actuaciones complementarias.
••• La primera será la ampliación del andén al que llegarán los trenes. Por otro lado, el incremento de la plataforma, que tendrá 250 metros de largo por 10 de ancho.

12 abr 2011

Presentación

A Asociación Veciñal de Pontepedriña recupera a súa actividade cunha nova directiva. Desde o 25 de febreiro retomou a súa actividade coa iniciativa dalgúns veciños e veciñas que a ven fundamental para a cohesión e o desenvolvemento do barrio.
Entendemos por veciños aos residentes e comerciantes do barrio. Os principais obxectivos son:

- Defensa dos asociados e veciñanza en xeral, especialmente no que se refire ao urbanismo e a conservación do patrimonio natural e histórico.
- Cooperación coas institucións educativas.
- Apoiar e asesorar aos asociados e demais veciños.
- Promover a defensa do consumidor.
- Cooperar coas administracións públicas no desenvolvemento das súas tarefas, no que afecte á Pontepedriña.
- Promover actividades culturais, tendo como centro o Local Sociocultural do barrio.
- A procura da integración social, atendendo ás necesidades socioeconómicas dos veciños.

Para poder cumprir cos obxectivos é necesario contar co maior número de socios posible. Para ser socio hai que ser maior de idade, cubrir a ficha de inscrición e pagar a cota anual de 12 €. Este sinxelo proceso pode cumprimentarse no local da Asociación (Amor Ruibal, 26), a través do correo electrónico da Asociación (avv.pontep@gmail.com) ou falando directamente con calquera dos membros da Directiva.