12 dic 2013

Campaña de recollida de alimentos Nadal 2013


A Asociación Veciñal de Pontepedriña vén de organizar de novo a campaña de recollida de alimentos. Este ano, en principio, precísanse alimentos non perecedeiros (ao igual que na anterior ocasión) e, a maiores, artigos para o almorzo e merenda dos máis pequenos e pequenas da casa (cacaos, leite, cereais e artigos en xeral non perecedeiros).
As aportacións pódense deixar no CSC do barrio, no horario de apertura do mesmo, que é  Luns e Venres de 16:00 a 21:30, Mércores e Xoves, de 17:00 a 20:00 e Sábados a mañán, de 10:00 a 14:00.
Agradecemos de antemán a colaboración que nesta campaña poidamos entre todos brindar, así como a difusión desta comunicación entre as veciñas e veciños.

17 nov 2013

Scratch, taller de programación

O vindeiro sábado 23 de Novembro, no CSC do barrio levaráse a cabo un taller de programación con Scratch.
Está destinado a nenos de entre 6 e 12 anos, e poden ver máis información do mesmo, así coma inscribirse nesta ligazón.

É de balde, novidoso e de carácter totalmente aberto. Hai dez prazas que serán escrupulosamente asignadas por orde inscrición.

12 nov 2013

TAO YIN SOLO PÉLVICO Clase aberta!


Vén a probar o Venres 22 de Novembro ás 18.30h en:
CENTRO SOCIOCULTURAL DE PONTEPEDRIÑA, Amor Ruibal 26
O TAO YIN ensínanos a movernos, a respirar, a vivir sen tensión.
CHAN PÉLVICO. Tonificar a musculatura perineal achéganos beneficios na prevención da incontinencia, favorecendo a recuperación despois do parto, postparto, disfuncións de próstata e é unha peza crave nas relacións sexuais tanto no home como na muller.
RELAXACIÓN- MEDITACIÓN
O Tao Yin, en si mesmo, é unha forma de meditación en movemento.
Sen relaxación, o corpo está tenso e ríxido, e a mente fragmentada e confusa.
Sesións e exercicios de relaxación, visualización guiados polo monitor.
ALGÚNS BENEFICIOS DO TAO YIN
Equilibra todo o corpo por dentro (órganos, vísceras, sistema nervioso, circulatorio) e por fóra (músculos, tendóns).
Mellora diferentes patoloxías: escoliosis, lordosis, cifosis, acortamiento dunha ou ambas as pernas, problemas xenitourinarios, renais, de corazón, etc.


10 sept 2013

O I Concurso de Graffitis permitirá decorar parte do muro exterior do Local Sociocultural de Pontepedriña


A Concellería de Centros Socioculturais pon en marcha o I Concurso de Graffitis en Entornos Socioculturais, organizado coa colaboración da Asociación de Veciños de Pontepedriña. Esta primeira edición do certame centrarase na intervención sobre pare do muro exterior do Local Sociocultural de Pontepedriña.
Non se descartou que no futuro se cedan tamén outras partes do muro exterior do LSC ou tamén no muro interior. Ademais, estudarase a posibilidade de levar esta experiencia dos graffitis a outros espazos da cidade, como un modo alternativo de facer fronte ás pintadas.
Tres seccións do muro. Esta primeira edición do concurso orientarase á intervención sobre tres seccións do muro exterior do Local Sociocultural de Pontepedriña, situado na rúa de Amor Ruibal, número 26. A iniciativa conta coa activa implicación da asociación veciñal do barrio e co patrocinio do establecemento Cultura Urbana.
O tamaño dispoñible para os graffitis é de 2,20 x 10,70 metros para a sección mais grande, e de 2,60 x 2,15 metros para as outras dúas seccións. O tema escollido para a intervención artística será libre, outorgándolle valor á temática relacionada coa veciñanza.
Neste certame poden participar artistas tanto individualmente como en grupo (dun máximo de catro persoas). Non hai límite de idade, pero os menores deberán contar con autorización de pais ou titores.
O xurado encargado de valorar os traballos contará con persoal experto en arte urbana. Terá en conta para a selección de traballos aspectos como o tema escollido, a orixinalidade e innovación no deseño, a calidade artística e a dificultade de execución.
A resolución do concurso farase pública o dia 30 de setembro de 2013 e a execución dos traballos seleccionados realizarase, salvo que o mal tempo o impida, o 5 de outubro, entre as 11:00 e as 18:30 horas.
Premios
Os premios para os tres traballos seleccionados consistirán en lotes de produtos facilitados polo establecemento Cultura Urbana:
- 1º premio: tarxeta regalo + pack material graffiti
- 2º premio: mochila + pack material graffiti
- 3º premio: auriculares + pack material graffiti.
A Concellería de Centros Socioculturais facilitará aos artistas seleccionados material para o desenvolvemento dos traballos (sprays de cores, ata un máximo de 20 por traballo).
Os interesados teñen de prazo dende o día 11 ata o 23 de setembro para presentar as súas solicitudes, xunto cos bosquexos, no rexistro auxiliar do Concello, situado no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche (rúa de Frei Rosendo Salvado 14-16, baixo), en horario de 9:00 a 14:00 horas.

8 sept 2013

Pasarela peonil de conexión con Pontepedriña na estación


A adaptación da estación ao eixo atlántico custará 13 millóns
Estará para o 2014 e completarase ata o 2018 coa intermodal
r.m. santiago / a voz
08 de setembro de 2013

A actuación para a adaptación da estación á AVE farase en dúas fases e a primeira incluirá unha pasarela con Pontepedriña. álvaro ballesteros
O Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) ultima o estudo de mobilidade sostible na contorna da estación do tren para licitar o plan da zona antes de sacar a concurso o proxecto para a terminal do AVE. Trátase dun traballo «crave», segundo o alcalde, Ángel Currás, para definir o desenvolvemento dun ámbito tan céntrico e que aparte do tráfico privado que se produce na contorna haberá de dar solución ao movemento diario de 500 autocares, entre entradas e saídas, tendo en conta que a estación de autobuses trasladarase á área ferroviaria para dotar de intermodalidade ao ámbito.
A realización deste estudo atrasou as previsións iniciais de licitación do plan da zona, que Currás anunciaba para fai uns meses. Pero se trata dunha información indispensable para a ordenación do ámbito, afirma o rexedor, quen está á espera da resposta de Madrid sobre cando se abrirá ese concurso, polo que se interesou ante a ministra Ana Pastor na súa recente visita a Santiago. Cando o plan estea resolto haberá que abrir o proceso para a redacción do proxecto específico da futura estación, pois xa se asumiu que non será o seleccionado no concurso de ideas convocado no seu momento e que non se chegou a adxudicar. Búscase un proxecto máis modesto pero que cumpra coas necesidades da cidade.
Pasarela con Pontepedriña
A actuación no ámbito farase en dúas fases. A primeira será para adaptar as vías, as plataformas e parte do actual edificio para cando conclúa o eixo atlántico, no 2014. «Esa primeira fase deberá estar rematada para entón, non 2014 ou 2015», apunta Currás, e suporá un investimento de 13,2 millóns e incluirá unha pasarela peonil de conexión do ámbito con Pontepedriña. A licitación dese proxecto requirirá 1,4 millóns. Se ben aínda sen cuantificar, a segunda fase, a que dará «a foto final» do equipamento intermodal coa estación do AVE e a de autobuses, concluirá «cando chegue ou AVE dá Meseta, previsto para ou 2018», engade o rexedor. O financiamento da instalación ferroviaria asumiraa ADIF -a de autobuses é cousa da Xunta-, aínda que na actuación sobre a contorna «posiblemente tamén teña que intervir ou Concello», di Currás.

15 jun 2013

San Xoán 2013

Un ano máis a Asociación vai celebrar o San Xoán no barrio. Será o día 23 a partir das 20:00 no anexo ao CSC, se o tempo o permite. Os asociados e asociadas poden pasar a recoller a súa invitación de Churrasco e Sardiña na Floristería Las Camelias, en Amor Ruibal, a carón do semáforo. Eso si, antes do día 22.
Este ano contamos ademais coa actuación de Proxecto Galpom enlace

Vémonos o día 23!!
 

24 may 2013

O radar, cazado esta vez encima dunha beirarrúa


Onte fixo controis de velocidade no viario Clara Campoamor
24 de maio de 2013 05:00  La Voz de Galicia


Á espera de que se poña en marcha o radar do túnel do Hórreo, unha das últimas xestións inacabadas do exconcelleiro Albino Vázquez Aldrey, o vehículo móbil que xestiona a policía local segue facendo unha papeleta alí onde se dispón a funcionar.
Nos últimos días está a traballar sobre todo na zona sur do Ensanche. O mércores colocouse na rúa Escultor Camilo Otero (zona Pontepedriña) e alí estivo vixiando a velocidade dos coches, que en teoría non debían superar os 40 quilómetros por hora. Nada que obxectar á actuación da unidade que lle cedeu a Dirección Xeral de Tráfico ao departamento que agora dirixe o concelleiro popular Luis García Belo se non fose porque a vixilancia a realizou desde unha praza destinada a condutores con permiso para aparcar en estacionamentos para discapacitados.
Onte volveu ás andadas. O vehículo-radar, que se recoñece facilmente polos distintivos e as luces de urxencia, estivo no viario Clara Campoamor, no que o límite de velocidade é de 50 quilómetros por hora. Unha nai cun carriño de bebé a catro quilómetros por hora non podería pasar pola beirarrúa.

3 may 2013

Exposición de Juan Cereijo na Galería 'Terra de Sombra'

 Este xoves 2 de maio, tiven o pracer de asistir á inauguración da exposición de pintura de Juan Cereijo na galería Terra de Sombras (Fernando III, 22). Juan é unha persoa encantadora, afable, sempre con boas palabras, imposible sentirse incómodo ao seu carón. Desde o principio da Asociación Veciñal, tanto el como Xerardo, e súas respectivas mulleres, participaron activamente nas reunións e convocatorias da Asociación, sempre con ánimo construtivo. Para a Directiva, teñen sido un apoio fundamental.

Juan, ademais de ser un puntal do grupo de baloncesto (un exemplo!) descóbresenos agora como un excelente pintor. Arredor das Lembranzas que dan título á exposición, un conxunto de cadros sinxelos e intensos, reflicten coa cordialidade propia do seu carácter, os camiños da súa memoria. Sentimentos, sensacións e paisaxes da súa vida plasmados nuns cadros fermosos, cheos de luz e colores cálidos. Unha pintura optimista (joie de vivre!) na que nada te agride, que non desdeña a ironía e a crítica, pero sempre en positivo: Xogan brancas, gañan os de sempre, de momento.

O acto de presentación contou co aliciente da lectura duns preciosos poemas de Xohana Torres por parte de Xerardo Rodríguez, unha homenaxe a Ferrol e a súa amizade.

Se queredes alimentar os voso sentidos de estímulos positivos, gozando dunha expresión plástica suxestiva e de calidade, non deixedes de visitar a exposición.
 




10 abr 2013

FORO HIPOTECARIO DE ADICAE

11 de abril ás 18 horas no Centro Sociocultural do Ensanche
 
A xornada deste xoves servirá para reunir aos distintos partidos políticos do Concello de Santiago de Compostela e comunicarlles cales son as reivindicacións cidadás, así como para esixirlles solucións, para que expliquen cales son as súas propostas para solucionar este problema. Estarán presentes portavoces do BNG, do PSOE, do PP e de AGE, en concreto:
  • Rubén Cela Díaz do BNG.
  • Xosé Antonio Sánchez Bugallo do PSOE.
  • Jaime Castiñeira Broz do grupo parlamentario do PP.
  • Juan Manuel Fajardo Recouso do grupo parlamentario de AGE.
Por outra banda tamén asistirán outras asociacións e colectivos presentes hoxe en día na actualidade galega,  como é o caso de STOP Desafiuzamentos e do mesmo xeito contarase coa presenza dun avogado colaborador de ADICAE que explicará todo o relativo ás ultimas sentenzas que xurdiron tanto a nivel estatal como a nivel europeo.

20 mar 2013

Obradoiro: OS CAMBIOS NA VIDA. Perdas, crises, loito crecemento e transformación


Este obradoiro é un espazo para enfrontar os cambios da vida: quedar no paro, ter unha crianza, vivir unha enfermidade inesperada, facerme maior, empezar a vivir en parella, perder un ser querido, marchar as/os fillas/os da casa, romper coa parella... Son cambios que teñen moito de crise e ás veces de desamor... Temos sensación de perda... de que algo morre...
O obradoiro dá ferramentas para elaborar os loitos pendentes e facer despedidas. E desde aí facer camiño de transformación, abrindo novas etapas para reconectarnos coa VIDA...
Días: sábados 13 e 17 de abril, 11 e 25 de maio, 8 e 29 de xuño.
Horario: de 10h a 19h
Lugar: Centro Sociocultural da Pontepedriña.
MATRÍCULA PARA SOCIAS (menor ca xeral):
1. Matrícula normal: 140 €
2. Matrícula reducida para persoas con dificultades económicas: 60 €
3. Matrícula solidaria (de apoio ás compañeiras con dificultades): 160 €
* A matrícula para soci@s é menor
Para apuntarse -ou para calquera outra cuestión- a xente pode chamarme ao teléfono 639 20 36 69.
As prazas son limitadas
O prazo para apuntarse remata o mércores 27 de marzo.

14 mar 2013

Ofertas de traballo en Pontemprego

A bolsa de emprego, Pontemprego, posta en marcha pola Asociación Veciñal conta xa cun número importante de persoas que demandan traballo:
  • Un total de 15 persoas, 8 mulleres e sete homes.
  • As mulleres teñen unha idade media de 40 anos, e teñen experiencia como empregadas de fogar e como axudantes de cociña, na hostalaría.
  • Os homes tamén teñen unha idade media de 40 anos e contan con experiencia na construción (peóns e oficiais de primeira) e no sector da hostalaría. Un dos homes, de 39 anos, ten unha ampla experiencia en informática e administración, e un nivel medio-alto de inglés. Todos eles teñen carné de conducir e un, tamén, ten carné de autobús.

28 feb 2013

Taller: Sandar ao noso neno interior

A Asociación de actividades Bio-culturais Bioturmalina, sen ánimo de lucro e creada en 1995, organiza un taller no Centro Sociocultural de Pontepedriña o 16 de marzo, co título 'Sanrar ao noso neno interior', dentro do proxecto 'Educar sen tensión'. No taller exploraranse, de forma lúdica e íntima, algunhas vivencias importantes da infancia que pretenden permitirnos unha vida máis feliz, mellorando a nosa relación co nós mesmo e os que nos rodean. O prezo é de 70€ por persoa. Se veñen dúas persoas o prezo será de 60€ cadansúa. Os socios da Asociación Veciñal terán un desconto dun 30%. Máis información no folleto de abaixo.

31 ene 2013

CHARLA DE ADICAE NO CENTRO SOCIOCULTURAL O 7 DE FEBREIRO ÁS 21 HORAS: "O AFORRO FAMILIAR EN PERIGO POLA CRISE"


O próximo xoves 7 de febreiro, ás 21 horas, a Asociación Veciñal organiza a charla, impartida por Eugenia Mariño, “O aforro familiar en perigo pola crise. O que se esconde detrás dos produtos financeiros”. Eugenia Mariño é membro de ADICAE: Asociación de Usuarios de Bancos, Cajas y Seguros.

<<Os reiterados escándalos financeiros que vimos sufrindo os consumidores dende principios dos noventa, e en particular nos últimos dez anos, constitúen un síntoma de mal funcionamento do mercado financeiro. A falla de regulamento e control eficaz,  e as especulacións das entidades financeiras fan que os consumidores teñen que estar máis alerta do que lles están ofrecendo as entidades, para non poñer en perigo os seus aforros, e por tanto, está xurdindo un novo tipo de consumidor, que analiza obxectivamente as súas decisións económicas e non se deixa arrastrar por impulsos de consumismo irracional. Polo tanto, hai que protexerse dos abusos bancarios, e manter eses pequenos aforros que tanto nos custou reunir ao longo da nosa vida.

A partir dunhas pautas xerais, analizaremos a través de diferentes exemplos de publicidade financeira, en que nos temos que fixar cando contratemos un depósito bancario.

Por iso, ADICAE GALICIA, propón este obradoiro informativo (teórico-práctico), que terá unha duración de 1,30 horas aproximadamente, no que despois dunha exposición teórica se atenderán as preguntas dos asistentes>>.

18 ene 2013

Achégase o plan de Actividades para o vindeiro ano. As aportacións que se queiran facer serán ben recibidas na Asamblea do 1 de Febreiro.

17 ene 2013

Convocatoria de Asambleas

Un ano máis, có comezo do mesmo reunímosnos para desenvolver a Asamblea Ordinaria, na que a directiva dará conta da xestión da Asociación durante o ano 2012. Ademáis, a continuación, celebraráse a Asamblea Extraordinaria, na que se renova a xunta directiva (escollendo entre unha proposta da existente, ou presentando algunha outra candidatura). Pola parte que toca á actual xunta directiva, dicir que confirmando o que se ten dito con anterioridade de que ten que ser unha xunta directiva viva, hai cambios na mesma, de xeito que este ano mudamos os postos de Presidencia, Vicepresidencia, Tesorería, Vicetesorería e Secretaría. Ademais invitamos a que calquera persona socia que queira formar parte da mesma o faga saber, ben por correo electrónico a avv.pontep@gmail.com, ou ben anotándese no CSC do barrio (abre luns, mércores e venres pola tarde, e sábados pola mañán), antes do día 29 de Xaneiro, para caso de non coñecernos, ou ser moitas as solicitudes de incorporación celebrar unha reunión previa na que dirimir este tema. 
Achégase cartaz coa información relativa ás reunións, a celebrarse o día 1 de Febreiro