10 jun. 2011

Que ves cando me ves?


A Casa das Asociacións de Santiago abre hoxe unha exposición sobre os roles das mulleres a través da ollada de 18 artistas galegas
MARÉ . SANTIAGO
A Casa das Asociacións de Compostela acolle hoxe a inauguración da mostra Que ves cando me ves? que pretende abrir unha porta á "reflexión cidadá cuestionando ata que punto a total igualdade deixa de ser unha utopía, un espellismo" que 18 creadoras galegas contemporáneas tratan de fixar.
Nestas reflexións acerca do rol que xoga a muller traballadora no século XXI, sitúanse obras coma a de Tania Pérez Arribas, que xoga coa indumentaria para propor una analoxía discursiva entre xéneros. Partindo da vestimenta e da opresión que vincula este termo ao xénero feminino dende unha perspectiva historicista, Montse Rego, propón unha invitación mordaz á empatía entre homes e mulleres. Beatriz Suárez Saá e Sheila Pazos amósannos dúas visións da violencia e o maltratamento mentres que e a obra de Basilisa Fiestras remite a arquetipos da mitoloxía clásica.
Paula Cabaleiro representa unha reflexión acerca do tratamento da imaxe feminina e papel que desenvolve a muller na sociedade e nos medios de comunicación. Esta razoamento acerca da imaxe da muller está latente na obra escultórica de Xedes Peón, que nos amosa un corpo feminino fragmentado. A asimétrica concepción da maternidade e a paternidade, mestúrase na obra de María Move, que vincula a maternidade coa orixe na natureza. Carmen Hermo reflexiona sobre as dificultades de compatibilizar as condicións de artista e nai. A condición feminina e a de artista no mercado galego da arte artella o discurso de Renata Otero. A invisibilidade dende a que loita é un punto de encontro coa obra de Paz Vicente. Nanda Cabaleiro traballa a realidade desigual entre culturas, a través das tatuaxes de Henna con filigranas islámicas sobre pel feminina e o texto.
A muller emigrante protagoniza a obra de Silvia Capelo, que xorde da súa propia familia. A analoxía histórica que se debuxou entre a figura feminina e as "artes menores", é manipulada pola fotografía de Laura Piñeiro que converte os obxetos cotiáns das artes domésticas, como a costura, en armas de guerra, de loita. Outras artistas como Maria Meijide ou Magatzem 909 MC desenvolven discursos en torno á ambigüidade ou á transexualidade. María Chenut elabora unha mensaxe en favor dos proxectos que foron frustrados, abortados pola condición feminina das súas promotoras, mentres que Carmen Cabaneiro alude á razón como gaiola da utopía.

No hay comentarios:

Publicar un comentario