26 oct 2011

O primeiro e animado mercadiño de Pontepedriña

O pasado sábado, 22 de outubro, celebrouse a primeira edición do Mercadillo da Pontepedriña, cunha afluencia de visitantes alentadora de cara a celebración de novas edicións (en breve, a ser posible). Nel ademais de intercambiar obxectos, ou vendelos, puidemos gozar dunha tarde de convivencia, na que xurdiron novas ideas sobre o mercadillo por parte dos asistentes (periodicidade, obxectos de máis fácil intercambio...).

Ademais, os máis pequenos tamén tiveron unha tarde de xogos, posto que había unha cama elástica na que brincaron por ratos, e que foi cedida xenerosamente polos seus propietarios á Asociación.

En fin, un bo inicio para unha actividade que supón cambiar o concepto de mercado, posto que o troco é totalmente válido, e os prezos para nada abusivos. Saúdos, e esperamos que para o Magosto poidamos contar con unha climatoloxía tan favorable como a que tivemos este sábado.

2 oct 2011

Os 12 de Pontepedriña na Catedral

 
O 30 de setembro, cumpreanos de dous dos presentes, visitamos as escavacións arqueolóxicas da Catedral, nunha actividade cultural organizada pola nosa Asociación Veciñal.

12 sept 2011

Mostra de obras seleccionadas do escultor Francisco Asorey ata o 30 de outubro en Santiago


08.09.2011 
SANTIAGO. EP
San Francisco de Asís (procedente do Museo de Lugo)
A Fundación Gonzalo Torrente Ballester acollerá unha exposición de 14 obras seleccionadas do escultor cambadés Francisco Asorey, en conmemoración do 50 aniversario do seu falecemento, o pasado 2 de xullo. A mostra estará aberta ó público na sede compostelá da fundación desde este venres ata o 30 de outubro. 
 O comisario da mostra, Miguel Fernández-Cid, sinalou no acto de presentación da mesma, celebrado este xoves, que a exposición contará con algunhas "pezas esenciais" datadas nos anos 20 e principios dos 30, claves para comprender a obra deste escultor. Neste acto tamén estivo presente un dos fillos do artista, José Asorey. 
 O comisario informou que a mostra "busca promover o interese do espectador pola figura de Asorey" a través dunha exposición "pequena, pero na que as obras contan cunha enorme importancia pola súa calidade e simbolismo". 
 Fernández-Cid afirmou que Asorey é un artista "extremadamente mal coñecido" por parte do gran público, que "identifica as súas obras, pero non as relaciona con quen está detrás delas". Por iso, incidiu en que esta mostra pretende configurarse como a antesala dunha gran exposición acerca da figura do escultor, "que sen dúbida debe celebrarse en Galicia". 
 Así mesmo, Fernández-Cid valorou que en época de crise, "está ben" que estas exposicións impliquen un compromiso de restauración do patrimonio por parte das entidades. "Non debe ser un simple movemento de pezas dun lado a outro, senón que deben implicar unha actualización da importancia das pezas expostas", engadiu o comisario.

31 ago 2011

Amor Ruibal

Ángel María José Amor Ruibal naceu en Porráns (Barro, Pontevedra) o 11 de marzo de 1869 no seo dunha familia acomodada, e faleceu o 4 de novembro de 1930. Foi un destacado intelectual galego, de enorme erudición, cunha monumental obra en campos como a teoloxía, a lingüística, a filosofía ou a historia. Considérase o máis importante pensador católico da primeira metade do século XX e a súa obra aínda se considera vixente na actualidade.

Os seus estudos comezaron en Herbón e despois continuou no Seminario de Santiago. O exame de grao para o título de Doutor en Teoloxía acadouno co tema ‘Deus é inmenso e eterno’. Sendo sacerdote estudou na Universidade Gregoriana de Roma (1895-1896). En 1902 conseguiu ser nomeado cóengo de Santiago. Nunca aceptou ser nomeado bispo, preferindo adicarse ao seu labor de profesor de Teoloxía e Dereito canónico da Universidade Pontificia de Santiago.

Era políglota, manexando tanto linguas bíblicas e antigas –sánscrito, hebreo, grego, árabe, latín, siríaco, persa e copto- como modernas –galego, español, italiano, francés, inglés, alemán, etc.-. O seu prestixio fixo que fose consultado sobre os máis variados temas por párrocos, cardeais, xornalistas ou institucións españolas e europeas, e a súa obra foi traducida a moitas linguas, pero sempre mantivo a súa independencia dentro das correntes de pensamento da época. Entre os seus campos de investigación destaca a lingua galega da que afirmaba que ‘tiña aptitudes para todos os xéneros de forma literaria’. Deixou sen rematar un estudo científico do galego cun dicionario etimolóxico.
O colexio de Barro e numerosas rúas de cidades e vilas galegas levan o seu nome.

Placa na casa natal de Ángel Amor Ruibal en Porráns (Barro), co seguinte texto:

El muy ilustre señor
D. Ángel Amor Ruibal
canónigo doctoral, provisor y vicario
general del arzobispado de Santiago
modelo de sabiduría y humildad.
Homenaje de la Diputación Provincial de
Pontevedra al publicista de autoridad
internacional en filosofía, dogmática,
filología y cánones.
Nació en esta casa el 11 de marzo de 1859.
Murió en Compostela el 4 de noviembre de 1930.
3 de abril de 1951.

Fontes:
http://portal.civila.com/rgjimenez/angel-amor-ruibal
http://gl.wikipedia.org/wiki/%C3%81ngel_Amor_Ruibal

1 jul 2011

San Xoán 2011: todo un éxito!!!

A celebración do San Xoán foi todo un reto para nova Xunta Directiva. Sabiamos que era un acontecemento crucial na nosa presentación ante a veciñanza. Cremos que foi un éxito, polo que hai que felicitar, sobre todo, á Comisión de Festas constituída dentro da Directiva. Desde aquí tamén queremos dar as grazas aos músicos que contribuíron a crear un ambiente máxico, ás persoas que nos axudaron no traballo e, en xeral, a todas e todos os que viñeron a compartir esa noite con nós. Así dá gusto traballar.
Aquí vos deixo algunhas das poucas fotos que puidemos tirar. Non había tempo nin para iso. Boas vacacións para quen teña a sorte de poder desfrutalas.