Este xoves 2 de maio, tiven o pracer de asistir á inauguración da exposición de pintura de Juan Cereijo na galería Terra de Sombras (Fernando III, 22). Juan é unha persoa encantadora, afable, sempre con boas palabras, imposible sentirse incómodo ao seu carón. Desde o principio da Asociación Veciñal, tanto el como Xerardo, e súas respectivas mulleres, participaron activamente nas reunións e convocatorias da Asociación, sempre con ánimo construtivo. Para a Directiva, teñen sido un apoio fundamental.
Juan, ademais de ser un puntal do grupo de baloncesto (un exemplo!) descóbresenos agora como un excelente pintor. Arredor das Lembranzas que dan título á exposición, un conxunto de cadros sinxelos e intensos, reflicten coa cordialidade propia do seu carácter, os camiños da súa memoria. Sentimentos, sensacións e paisaxes da súa vida plasmados nuns cadros fermosos, cheos de luz e colores cálidos. Unha pintura optimista (joie de vivre!) na que nada te agride, que non desdeña a ironía e a crítica, pero sempre en positivo: Xogan brancas, gañan os de sempre, de momento.
O acto de presentación contou co aliciente da lectura duns preciosos poemas de Xohana Torres por parte de Xerardo Rodríguez, unha homenaxe a Ferrol e a súa amizade.
Se queredes alimentar os voso sentidos de estímulos positivos, gozando dunha expresión plástica suxestiva e de calidade, non deixedes de visitar a exposición.
Esta fin de semana puiden por fin ver a exposición de fotos do meu compañeiro Niti no Centro Sociocultural do Ensanche de Santiago (ata o 30 de xaneiro, en febreiro estará no Centro de Vite). A exposición está formada por 35 fotografías en branco e negro tiradas en Nova York no ano 2009.
As fotos, dunha indubidable calidade, amosan unha cidade moi distinta á tópica, á turística, trazando un percorrido polo cotiá, pola vida diaria dunha xente inconsciente de formar parte do 'centro do mundo'. Esta capacidade do fotógrafo para fuxir da mirada vacua do turista (unha das pestes dos nosos tempos), para ser quen de descubrir a esencia da cidade, de calquera cidade, que reside nos detalles das súas rúas e nas miradas dos seus habitantes é para min o gran logro da súa obra. As fotos de Harlem son realmente extraordinarias, suxerintes e cheas de sensibilidade, obríganos a deternos e contemplalas devagar.
Unha exposición máis que recomendable, un pracer estético e unha auténtica viaxe sentimental á verdadeira cidade.
San Francisco de Asís (procedente do Museo de Lugo)
A Fundación Gonzalo Torrente Ballester acollerá unha exposición de 14 obras seleccionadas do escultor cambadés Francisco Asorey, en conmemoración do 50 aniversario do seu falecemento, o pasado 2 de xullo. A mostra estará aberta ó público na sede compostelá da fundación desde este venres ata o 30 de outubro. O comisario da mostra, Miguel Fernández-Cid, sinalou no acto de presentación da mesma, celebrado este xoves, que a exposición contará con algunhas "pezas esenciais" datadas nos anos 20 e principios dos 30, claves para comprender a obra deste escultor. Neste acto tamén estivo presente un dos fillos do artista, José Asorey. O comisario informou que a mostra "busca promover o interese do espectador pola figura de Asorey" a través dunha exposición "pequena, pero na que as obras contan cunha enorme importancia pola súa calidade e simbolismo". Fernández-Cid afirmou que Asorey é un artista "extremadamente mal coñecido" por parte do gran público, que "identifica as súas obras, pero non as relaciona con quen está detrás delas". Por iso, incidiu en que esta mostra pretende configurarse como a antesala dunha gran exposición acerca da figura do escultor, "que sen dúbida debe celebrarse en Galicia". Así mesmo, Fernández-Cid valorou que en época de crise, "está ben" que estas exposicións impliquen un compromiso de restauración do patrimonio por parte das entidades. "Non debe ser un simple movemento de pezas dun lado a outro, senón que deben implicar unha actualización da importancia das pezas expostas", engadiu o comisario.
O Museo do Pobo Galego expón, ata o 26 de xuño, a obra fotográfica de Alberto Martí Villardefrancos. O título da exposición, Os Adeuses, alude ao tema das fotografías: a emigración.
A mostra, organizada polo Consello da Cultura Galega e o Centro Galego de Artes e Imaxe (CGAI), componse de 73 fotografías en branco e negro que reflicten o éxodo galego cara América entre os anos 1957 e 1963, desde os portos de Coruña e Vigo. A exposició distribúese en tres áreas (A Ida, A Volta, e o Buque Santa María) con imaxes protagonizadas por xente anónima e polas súas experiencias arredor do embarque ou desembarque dos buques que os levaban cara a América.
Alberto Martí Villardefrancos naceu na Coruña en 1922 e aínda segue en activo, ordenando e clasificando o seu arquivo, que pode chegar a un millón de negativos. Recibiu varios premios nacionais e internacionais e a súa inquedanza fotográfica traspasou as fotos para cubrir noticias, reportaxes de vodas, reportaxes sociais... Entre estes traballos destaca a súa serie sobre a emigración.
Horario: de martes a sábado (10-14 horas // 16-20 horas); domingos e festivos (11-14 horas); luns pechado.
Tarifas do Museo: Ordinaria (3 €); Maiores de 65 anos e estudantes maiores de 16 anos (1 €); Socios, estudantes menores de 16 anos e traballadores no paro (gratuíta); Grupos a partir de 8 persoas (2 €)
Visita ás exposicións temporais, como a de Alberto Martí: gratuíta
A Casa das Asociacións de Santiago abre hoxe unha exposición sobre os roles das mulleres a través da ollada de 18 artistas galegas
MARÉ . SANTIAGO
A Casa das Asociacións de Compostela acolle hoxe a inauguración da mostra Que ves cando me ves? que pretende abrir unha porta á "reflexión cidadá cuestionando ata que punto a total igualdade deixa de ser unha utopía, un espellismo" que 18 creadoras galegas contemporáneas tratan de fixar.
Nestas reflexións acerca do rol que xoga a muller traballadora no século XXI, sitúanse obras coma a de Tania Pérez Arribas, que xoga coa indumentaria para propor una analoxía discursiva entre xéneros. Partindo da vestimenta e da opresión que vincula este termo ao xénero feminino dende unha perspectiva historicista, Montse Rego, propón unha invitación mordaz á empatía entre homes e mulleres. Beatriz Suárez Saá e Sheila Pazos amósannos dúas visións da violencia e o maltratamento mentres que e a obra de Basilisa Fiestras remite a arquetipos da mitoloxía clásica.
Paula Cabaleiro representa unha reflexión acerca do tratamento da imaxe feminina e papel que desenvolve a muller na sociedade e nos medios de comunicación. Esta razoamento acerca da imaxe da muller está latente na obra escultórica de Xedes Peón, que nos amosa un corpo feminino fragmentado. A asimétrica concepción da maternidade e a paternidade, mestúrase na obra de María Move, que vincula a maternidade coa orixe na natureza. Carmen Hermo reflexiona sobre as dificultades de compatibilizar as condicións de artista e nai. A condición feminina e a de artista no mercado galego da arte artella o discurso de Renata Otero. A invisibilidade dende a que loita é un punto de encontro coa obra de Paz Vicente. Nanda Cabaleiro traballa a realidade desigual entre culturas, a través das tatuaxes de Henna con filigranas islámicas sobre pel feminina e o texto.
A muller emigrante protagoniza a obra de Silvia Capelo, que xorde da súa propia familia. A analoxía histórica que se debuxou entre a figura feminina e as "artes menores", é manipulada pola fotografía de Laura Piñeiro que converte os obxetos cotiáns das artes domésticas, como a costura, en armas de guerra, de loita. Outras artistas como Maria Meijide ou Magatzem 909 MC desenvolven discursos en torno á ambigüidade ou á transexualidade. María Chenut elabora unha mensaxe en favor dos proxectos que foron frustrados, abortados pola condición feminina das súas promotoras, mentres que Carmen Cabaneiro alude á razón como gaiola da utopía.
Levando os porcos á feira, diante do actual IES Rosalía de Castro
Atrévome a usar o blog da Asociación para recomendar con entusiasmo a exposición “Ruth Matilda Anderson. Unha mirada de antano”, que se pode visitar na sede da Fundación Caixa Galicia de Compostela, na Rúa do Vilar 19, ata o 5 de xuño.
A fotógrafa estadounidense traballaba para a Hispanic Society of America, que pretendía crear unha colección de imaxes de España. Con esa finalidade viaxou desde Nova York a Vigo acompañada polo seu pai Alfred, en agosto de 1924. Volveu en máis ocasións, realizando ata seis viaxes por España, case catorce min imaxes con notas e comentarios. Delas, cinco mil duascentas tirounas en Galicia, primeiro entre 1924 e 1925, e despois, acompañada pola fotógrafa Frances Spalding, entre 1925 e 1926.
As fotografías de Ruth constitúen un documento excepcional, tanto polo seu valor etnográfico e histórico, como polo pracer estético que provocan. Reflicten unha época hoxe perdida, pero que en moitos aspectos se estendeu ata principios dos anos setenta na Galicia rural. Son imaxes perfectamente contextualizadas grazas as notas que as acompañan e dunha extraordinaria calidade.
Todas as fotografías, comezando polas dos propios autores, son dunha enorme elocuencia que nos fai percorrer a sala devagar, demorándonos moito máis do previsto. A planificación e a exhaustiva composición non lles fai perder nin un ápice de vida. Información e emoción súmanse nunha unidade perfecta.
O mércores 11 de maio ás 20 horas inaugúrase na Casa das Asociacións a exposición "Contribución da muller ao desenvolvemento rural sostible" na que poden verse excelentes fotografías con detalles da realización de artesanías, de rostros en primerísimos planos e instantáneas que nos achegan ao mundo do traballo rural.