21 may 2011

Unha exposición que non hai que perderse


Levando os porcos á feira, diante do actual IES Rosalía de Castro
Atrévome a usar o blog da Asociación para recomendar con entusiasmo a exposición “Ruth Matilda Anderson. Unha mirada de antano”, que se pode visitar na sede da Fundación Caixa Galicia de Compostela, na Rúa do Vilar 19, ata o 5 de xuño.
A fotógrafa estadounidense traballaba para a Hispanic Society of America, que pretendía crear unha colección de imaxes de España. Con esa finalidade viaxou desde Nova York a Vigo acompañada polo seu pai Alfred, en agosto de 1924. Volveu en máis ocasións, realizando ata seis viaxes por España, case catorce min imaxes con notas e comentarios. Delas, cinco mil duascentas tirounas en Galicia, primeiro entre 1924 e 1925, e despois, acompañada pola fotógrafa Frances Spalding, entre 1925 e 1926.
As fotografías de Ruth constitúen un documento excepcional, tanto polo seu valor etnográfico e histórico, como polo pracer estético que provocan. Reflicten unha época hoxe perdida, pero que en moitos aspectos se estendeu ata principios dos anos setenta na Galicia rural. Son imaxes perfectamente contextualizadas grazas as notas que as acompañan e dunha extraordinaria calidade.
Todas as fotografías, comezando polas dos propios autores, son dunha enorme elocuencia que nos fai percorrer a sala devagar, demorándonos moito máis do previsto. A planificación e a exhaustiva composición non lles fai perder nin un ápice de vida. Información e emoción súmanse nunha unidade perfecta.

No hay comentarios:

Publicar un comentario