10 may 2011

Santiago incrementa o 32% as prazas para maiores dependentes


A inauguración do centro da Fundación Otero-Martínez achega 150 prazas
REDACCIÓN- Galicia Hoxe
O centro residencial Fundación José Otero-Carmela Martínez, no barrio compostelán de Pontepedriña, comezou a funcionar onte. A residencia, de titularidade da Xunta, ofrece 150 prazas para maiores dependentes. A directora xeral de Dependencia e Autonomía Persoal, Coro Piñeiro, e os promotores do centro, José Otero e a súa esposa, Carmela Martínez, déronlles onte a benvida ós primeiros residentes. Piñeiro destacou que coa posta en marcha deste servizo social, Santiago conta nestes momentos con 475 prazas residenciais (incluídas as 150 novas de José Otero), o cal supón incrementar a oferta de prazas públicas en preto dun 32% na capital galega. A entidade social Fundación José Otero-Carmela Martínez construíu e cedeulle á Xunta as instalacións, nas cales a Consellería de Traballo e Benestar realizou un investimento en equipamento de preto de 440.000 euros.
A CERNA
Un convenio a tres bandas
A posta en marcha desta nova residencia parte dun convenio de colaboración a tres bandas: o Concello cedeulle a parcela á Administración autonómica, que foi a que a puxo a disposición da Fundación. Para o mantemento das prazas públicas desta residencia, a Consellería de Traballo e Benestar destinará máis de 6,6 millóns de euros ata 2013. A Fundación José Otero-Carmen Martínez reservou só vinte prazas das 150 dispoñibles no centro residencial, coa finalidade de cubrir as necesidades futuras dos traballadores das súas empresas e mais dos seus familiares.

No hay comentarios:

Publicar un comentario