Na reunión preparatoria de onte, 12 de abril, nove amantes da lectura constituímos o Club de Lectura da Pontepedriña, amparada pola Asociación Veciñal.
Decidiuse manter as reunións o último mércores de cada mes, ás 21,30 no Local Sociocultural. A primeira reunión será o día 25 de abril, e para comezar imos falar do libro de Manuel Rivas, Que
me queres amor. Levaremos a cabo dúas reunións máis, maio e xuño, descansando nos meses de verán. As futuras lecturas serán consesuadas polos membros do club nas próximas reunións.
O Club está aberto a máis participantes, só hai que mandar un correo a avv.pontep@gmail.com, co seu teléfono e incorporarse ás reunións.
Ante a petición dalgúns socios e o interesante que nos pareceu a actividade, dispoñémonos a crear un Club de Lectura da Pontepedriña. Tal e como se di no cartel de abaixo, convocamos unha reunión preparatoria para o día 12 de abril, xoves, ás 21,30 horas, no Local Sociocultural do barrio. En dita reunión, as persoas que desexen ser membros deste club consensurán os aspectos básicos da organización do club: periodidicidade das reunións, horario das mesmas, lecturas, número máximo de membros, posibles grupos, actividades a realizar, etc. En principio, o club está aberto a todas as persoas que teñan interese, pero no caso de superarse o número de persoas axeitadas para este tipo de foro terán preferencia os socios e os veciños do barrio, por esta orde. Animádevos a participar!!!
Xaime Quessada naceu en Ourense en 1937 e morreu o 30 decembro do 2008. Pintor, gravador e escritor destacou polo seu compromiso político, foi militante da UPG e do Partido Comunista. Foi un dos grandes artistas galegos e súa obra exponse en todo mundo. A derradeira exposición da súa obra fíxoa na sede do Parlamento Europeo en Estrasburgo, cunha selección de cadros sobre os horrores da guerra (inspirada na obra de Goya), titulada Os dereitos humanos. Testemuñas. Tamén se viu influído por Picasso, chegando a realizar máis de mil versións do Guernica e outras tantas do Minotauro.
Formou parte da xeracións de artistas ourensáns alcumada co nome de 'artistiñas' por parte de Vicente Risco. Un grupo de pintores e escultores que frecuentaba a taberna O Volter, entre os que estaban tamén Virxilio, José Luis de Dios, Acisclo Manzano e Bouciños.
Foi Medalla de Ouro na Exposición Nacional de Bellas Artes de 1959 e Medalla Castelao en 2004, entre outros moitos premios.
Tamén se adicou á literatura, publicando Cuentos crueles, Lucenza e El Recristo del Baraña, unha autobiografía que recrea os anos escuros da Ditadura entre 1939 e 1975, 'porque parece que nesa época no pasou nada', dicía.
O seu fillo, Xaime Quessada Blanco, tamén pintor, morreu un ano antes co seu pai, con só 30 anos.
Esta fin de semana puiden por fin ver a exposición de fotos do meu compañeiro Niti no Centro Sociocultural do Ensanche de Santiago (ata o 30 de xaneiro, en febreiro estará no Centro de Vite). A exposición está formada por 35 fotografías en branco e negro tiradas en Nova York no ano 2009.
As fotos, dunha indubidable calidade, amosan unha cidade moi distinta á tópica, á turística, trazando un percorrido polo cotiá, pola vida diaria dunha xente inconsciente de formar parte do 'centro do mundo'. Esta capacidade do fotógrafo para fuxir da mirada vacua do turista (unha das pestes dos nosos tempos), para ser quen de descubrir a esencia da cidade, de calquera cidade, que reside nos detalles das súas rúas e nas miradas dos seus habitantes é para min o gran logro da súa obra. As fotos de Harlem son realmente extraordinarias, suxerintes e cheas de sensibilidade, obríganos a deternos e contemplalas devagar.
Unha exposición máis que recomendable, un pracer estético e unha auténtica viaxe sentimental á verdadeira cidade.
O 28 de maio, sábado pola tarde, un grupo de veciños e veciñas do barrio tivemos a sorte de gozar cunha visita guiada polo Santiago histórico, grazas a nosa compañeira Marisol, guía oficial da fermosa Compostela. Primeiro visitamos as esculturas de Pepe Ruíz no Local Sociocultural e desde aí saímos camiñando cara a améndoa que conforma o pasado de pedra da nosa cidade.
Foi toda unha lección de historia, arte, urbanismo e patrimonio. Desde o Ensanche á Porta da Mámoa, desde Santa María Salomé á Quintana, e desde a San Martiño Pinario ata Praterías. Todos aprendemos moito porque, ainda que pareza imposible, a nosa amable, paciente e apaixoada guía si que sabe todo sobre o enorme patrimonio da nosa cidade. Grazas por compartilo con nós, e agardamos impacientes unha nova visita.
O Consello da Cultura Galega organiza un faladoiro sobre A obra poética de Álvaro Cunqueiro, no que participarán Henrique Monteagudo, X. M. Salgado, Manuel Forcadela e Teresa López.
O acto terá lugar o 16 de xuño ás 19 horas no Salón de actos do Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, 2º andar).
O Museo do Pobo Galego expón, ata o 26 de xuño, a obra fotográfica de Alberto Martí Villardefrancos. O título da exposición, Os Adeuses, alude ao tema das fotografías: a emigración.
A mostra, organizada polo Consello da Cultura Galega e o Centro Galego de Artes e Imaxe (CGAI), componse de 73 fotografías en branco e negro que reflicten o éxodo galego cara América entre os anos 1957 e 1963, desde os portos de Coruña e Vigo. A exposició distribúese en tres áreas (A Ida, A Volta, e o Buque Santa María) con imaxes protagonizadas por xente anónima e polas súas experiencias arredor do embarque ou desembarque dos buques que os levaban cara a América.
Alberto Martí Villardefrancos naceu na Coruña en 1922 e aínda segue en activo, ordenando e clasificando o seu arquivo, que pode chegar a un millón de negativos. Recibiu varios premios nacionais e internacionais e a súa inquedanza fotográfica traspasou as fotos para cubrir noticias, reportaxes de vodas, reportaxes sociais... Entre estes traballos destaca a súa serie sobre a emigración.
Horario: de martes a sábado (10-14 horas // 16-20 horas); domingos e festivos (11-14 horas); luns pechado.
Tarifas do Museo: Ordinaria (3 €); Maiores de 65 anos e estudantes maiores de 16 anos (1 €); Socios, estudantes menores de 16 anos e traballadores no paro (gratuíta); Grupos a partir de 8 persoas (2 €)
Visita ás exposicións temporais, como a de Alberto Martí: gratuíta
A Casa das Asociacións de Santiago abre hoxe unha exposición sobre os roles das mulleres a través da ollada de 18 artistas galegas
MARÉ . SANTIAGO
A Casa das Asociacións de Compostela acolle hoxe a inauguración da mostra Que ves cando me ves? que pretende abrir unha porta á "reflexión cidadá cuestionando ata que punto a total igualdade deixa de ser unha utopía, un espellismo" que 18 creadoras galegas contemporáneas tratan de fixar.
Nestas reflexións acerca do rol que xoga a muller traballadora no século XXI, sitúanse obras coma a de Tania Pérez Arribas, que xoga coa indumentaria para propor una analoxía discursiva entre xéneros. Partindo da vestimenta e da opresión que vincula este termo ao xénero feminino dende unha perspectiva historicista, Montse Rego, propón unha invitación mordaz á empatía entre homes e mulleres. Beatriz Suárez Saá e Sheila Pazos amósannos dúas visións da violencia e o maltratamento mentres que e a obra de Basilisa Fiestras remite a arquetipos da mitoloxía clásica.
Paula Cabaleiro representa unha reflexión acerca do tratamento da imaxe feminina e papel que desenvolve a muller na sociedade e nos medios de comunicación. Esta razoamento acerca da imaxe da muller está latente na obra escultórica de Xedes Peón, que nos amosa un corpo feminino fragmentado. A asimétrica concepción da maternidade e a paternidade, mestúrase na obra de María Move, que vincula a maternidade coa orixe na natureza. Carmen Hermo reflexiona sobre as dificultades de compatibilizar as condicións de artista e nai. A condición feminina e a de artista no mercado galego da arte artella o discurso de Renata Otero. A invisibilidade dende a que loita é un punto de encontro coa obra de Paz Vicente. Nanda Cabaleiro traballa a realidade desigual entre culturas, a través das tatuaxes de Henna con filigranas islámicas sobre pel feminina e o texto.
A muller emigrante protagoniza a obra de Silvia Capelo, que xorde da súa propia familia. A analoxía histórica que se debuxou entre a figura feminina e as "artes menores", é manipulada pola fotografía de Laura Piñeiro que converte os obxetos cotiáns das artes domésticas, como a costura, en armas de guerra, de loita. Outras artistas como Maria Meijide ou Magatzem 909 MC desenvolven discursos en torno á ambigüidade ou á transexualidade. María Chenut elabora unha mensaxe en favor dos proxectos que foron frustrados, abortados pola condición feminina das súas promotoras, mentres que Carmen Cabaneiro alude á razón como gaiola da utopía.
Levando os porcos á feira, diante do actual IES Rosalía de Castro
Atrévome a usar o blog da Asociación para recomendar con entusiasmo a exposición “Ruth Matilda Anderson. Unha mirada de antano”, que se pode visitar na sede da Fundación Caixa Galicia de Compostela, na Rúa do Vilar 19, ata o 5 de xuño.
A fotógrafa estadounidense traballaba para a Hispanic Society of America, que pretendía crear unha colección de imaxes de España. Con esa finalidade viaxou desde Nova York a Vigo acompañada polo seu pai Alfred, en agosto de 1924. Volveu en máis ocasións, realizando ata seis viaxes por España, case catorce min imaxes con notas e comentarios. Delas, cinco mil duascentas tirounas en Galicia, primeiro entre 1924 e 1925, e despois, acompañada pola fotógrafa Frances Spalding, entre 1925 e 1926.
As fotografías de Ruth constitúen un documento excepcional, tanto polo seu valor etnográfico e histórico, como polo pracer estético que provocan. Reflicten unha época hoxe perdida, pero que en moitos aspectos se estendeu ata principios dos anos setenta na Galicia rural. Son imaxes perfectamente contextualizadas grazas as notas que as acompañan e dunha extraordinaria calidade.
Todas as fotografías, comezando polas dos propios autores, son dunha enorme elocuencia que nos fai percorrer a sala devagar, demorándonos moito máis do previsto. A planificación e a exhaustiva composición non lles fai perder nin un ápice de vida. Información e emoción súmanse nunha unidade perfecta.
O mércores 11 de maio ás 20 horas inaugúrase na Casa das Asociacións a exposición "Contribución da muller ao desenvolvemento rural sostible" na que poden verse excelentes fotografías con detalles da realización de artesanías, de rostros en primerísimos planos e instantáneas que nos achegan ao mundo do traballo rural.