12 sept 2011

Mostra de obras seleccionadas do escultor Francisco Asorey ata o 30 de outubro en Santiago


08.09.2011 
SANTIAGO. EP
San Francisco de Asís (procedente do Museo de Lugo)
A Fundación Gonzalo Torrente Ballester acollerá unha exposición de 14 obras seleccionadas do escultor cambadés Francisco Asorey, en conmemoración do 50 aniversario do seu falecemento, o pasado 2 de xullo. A mostra estará aberta ó público na sede compostelá da fundación desde este venres ata o 30 de outubro. 
 O comisario da mostra, Miguel Fernández-Cid, sinalou no acto de presentación da mesma, celebrado este xoves, que a exposición contará con algunhas "pezas esenciais" datadas nos anos 20 e principios dos 30, claves para comprender a obra deste escultor. Neste acto tamén estivo presente un dos fillos do artista, José Asorey. 
 O comisario informou que a mostra "busca promover o interese do espectador pola figura de Asorey" a través dunha exposición "pequena, pero na que as obras contan cunha enorme importancia pola súa calidade e simbolismo". 
 Fernández-Cid afirmou que Asorey é un artista "extremadamente mal coñecido" por parte do gran público, que "identifica as súas obras, pero non as relaciona con quen está detrás delas". Por iso, incidiu en que esta mostra pretende configurarse como a antesala dunha gran exposición acerca da figura do escultor, "que sen dúbida debe celebrarse en Galicia". 
 Así mesmo, Fernández-Cid valorou que en época de crise, "está ben" que estas exposicións impliquen un compromiso de restauración do patrimonio por parte das entidades. "Non debe ser un simple movemento de pezas dun lado a outro, senón que deben implicar unha actualización da importancia das pezas expostas", engadiu o comisario.

No hay comentarios:

Publicar un comentario