Ángel María José Amor Ruibal naceu en Porráns (Barro, Pontevedra) o 11 de marzo de 1869 no seo dunha familia acomodada, e faleceu o 4 de novembro de 1930. Foi un destacado intelectual galego, de enorme erudición, cunha monumental obra en campos como a teoloxía, a lingüística, a filosofía ou a historia. Considérase o máis importante pensador católico da primeira metade do século XX e a súa obra aínda se considera vixente na actualidade.
Os seus estudos comezaron en Herbón e despois continuou no Seminario de Santiago. O exame de grao para o título de Doutor en Teoloxía acadouno co tema ‘Deus é inmenso e eterno’. Sendo sacerdote estudou na Universidade Gregoriana de Roma (1895-1896). En 1902 conseguiu ser nomeado cóengo de Santiago. Nunca aceptou ser nomeado bispo, preferindo adicarse ao seu labor de profesor de Teoloxía e Dereito canónico da Universidade Pontificia de Santiago.
Era políglota, manexando tanto linguas bíblicas e antigas –sánscrito, hebreo, grego, árabe, latín, siríaco, persa e copto- como modernas –galego, español, italiano, francés, inglés, alemán, etc.-. O seu prestixio fixo que fose consultado sobre os máis variados temas por párrocos, cardeais, xornalistas ou institucións españolas e europeas, e a súa obra foi traducida a moitas linguas, pero sempre mantivo a súa independencia dentro das correntes de pensamento da época. Entre os seus campos de investigación destaca a lingua galega da que afirmaba que ‘tiña aptitudes para todos os xéneros de forma literaria’. Deixou sen rematar un estudo científico do galego cun dicionario etimolóxico.
O colexio de Barro e numerosas rúas de cidades e vilas galegas levan o seu nome.
Placa na casa natal de Ángel Amor Ruibal en Porráns (Barro), co seguinte texto:
El muy ilustre señor
D. Ángel Amor Ruibal
canónigo doctoral, provisor y vicario
general del arzobispado de Santiago
modelo de sabiduría y humildad.
Homenaje de la Diputación Provincial de
Pontevedra al publicista de autoridad
internacional en filosofía, dogmática,
filología y cánones.
Nació en esta casa el 11 de marzo de 1859.
Murió en Compostela el 4 de noviembre de 1930.
3 de abril de 1951.
Fontes:
http://portal.civila.com/rgjimenez/angel-amor-ruibal
http://gl.wikipedia.org/wiki/%C3%81ngel_Amor_Ruibal
No hay comentarios:
Publicar un comentario