10 sept 2013

O I Concurso de Graffitis permitirá decorar parte do muro exterior do Local Sociocultural de Pontepedriña


A Concellería de Centros Socioculturais pon en marcha o I Concurso de Graffitis en Entornos Socioculturais, organizado coa colaboración da Asociación de Veciños de Pontepedriña. Esta primeira edición do certame centrarase na intervención sobre pare do muro exterior do Local Sociocultural de Pontepedriña.
Non se descartou que no futuro se cedan tamén outras partes do muro exterior do LSC ou tamén no muro interior. Ademais, estudarase a posibilidade de levar esta experiencia dos graffitis a outros espazos da cidade, como un modo alternativo de facer fronte ás pintadas.
Tres seccións do muro. Esta primeira edición do concurso orientarase á intervención sobre tres seccións do muro exterior do Local Sociocultural de Pontepedriña, situado na rúa de Amor Ruibal, número 26. A iniciativa conta coa activa implicación da asociación veciñal do barrio e co patrocinio do establecemento Cultura Urbana.
O tamaño dispoñible para os graffitis é de 2,20 x 10,70 metros para a sección mais grande, e de 2,60 x 2,15 metros para as outras dúas seccións. O tema escollido para a intervención artística será libre, outorgándolle valor á temática relacionada coa veciñanza.
Neste certame poden participar artistas tanto individualmente como en grupo (dun máximo de catro persoas). Non hai límite de idade, pero os menores deberán contar con autorización de pais ou titores.
O xurado encargado de valorar os traballos contará con persoal experto en arte urbana. Terá en conta para a selección de traballos aspectos como o tema escollido, a orixinalidade e innovación no deseño, a calidade artística e a dificultade de execución.
A resolución do concurso farase pública o dia 30 de setembro de 2013 e a execución dos traballos seleccionados realizarase, salvo que o mal tempo o impida, o 5 de outubro, entre as 11:00 e as 18:30 horas.
Premios
Os premios para os tres traballos seleccionados consistirán en lotes de produtos facilitados polo establecemento Cultura Urbana:
- 1º premio: tarxeta regalo + pack material graffiti
- 2º premio: mochila + pack material graffiti
- 3º premio: auriculares + pack material graffiti.
A Concellería de Centros Socioculturais facilitará aos artistas seleccionados material para o desenvolvemento dos traballos (sprays de cores, ata un máximo de 20 por traballo).
Os interesados teñen de prazo dende o día 11 ata o 23 de setembro para presentar as súas solicitudes, xunto cos bosquexos, no rexistro auxiliar do Concello, situado no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche (rúa de Frei Rosendo Salvado 14-16, baixo), en horario de 9:00 a 14:00 horas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario