16 sept 2012

«As asociacións non son nin do goberno nin dá oposición»


O directivo cre que sobreviven as que non teñen ambición política
Marga Mosteiro 16 de setembro de 2012 (La Voz de Galicia)
Xaquín Mato Castro, presidente da Asociación deVeciños Raigame, do Ensanche de Santiago, ocupa o cargo dende a fundación hai agora 25 anos.
-¿Como recorda os anos da xestación da Asociación de Veciños Raigame do Ensanche?
-Foron tempos difíciles para o Ensanche. Hai uns trinta anos, antes de crear a asociación, empezamos Vivencio, que é un histórico do movemento veciñal e volveu agora a asociación de Castiñeiriño, e eu. Por aqueles anos non había alumeado na rúa Nova de Abaixo e, despois de moito falar, a única maneira de conseguir a luz foi pagando mil pesetas cada comerciante.
-As asociacións historicamente vincúlanse a reivindicacións sociais, ¿segue a ser así?
­-Certamente, as xentes nos unimos para reclamar cando a necesidade apreta. Agora, coa situación de crise, parece que volve a necesidade de non baixar a garda. Eu teño a sensación de que o cambio de goberno fai que esteamos máis pendentes. Algunha vez pensei que era mellor votar a persiana e marchar, pero o certo é que temos que seguir. Non quero pensar mal deste goberno, pero aínda non nos recibiu o alcalde. Nin Conde Roa ni Currás.
-Leva 25 anos á fronte da asociación, ¿non está canso?
­-Moito, pero non me deixa marchar Agustín Pena, que é o verdadeiro presidente de Raigame. É a alma da asociación, eu son o presidente no papel, pero sen Agustín isto estaría morto.
-¿Cal foi o detonante para constituír a asociación?
­-Un problema moi grave de drogas na rúa Nova de Abaixo. Fixemos unha manifestación, entón era alcalde Xerardo Estévez e fixemos unha loita contra as drogas. Cando nos recibiron no Concello dixeron que as competencias non eran deles. Eu tiña claro que eles tiñan que escoitarnos e ser a nosa voz ante os responsables. E o foron, vaia se o foron.
-¿Quéixase vostede de que non os reciben agora en Raxoi?
­-É así. Non o digo por min nin por Agustín, que traballa polo barrio, senón pola xente do Ensanche. Non temos grandes problemas, pero hai cousas: ruídos, tráfico, delincuencia... aínda que non é a situación que provocou o nacemento da asociación. Non quero ser inxusto, falamos cos edís de Seguridade, Urbanismo e Barrios, pero o alcalde nada. A boa época para as asociacións foi a de Manolo Portas. Escoitaba e facía caso.
-¿Ten a sensación de facer o labor da oposición?
­-É así, somos a voz dos veciños. Contactas co goberno, antes cos do PSOE e BNG; e agora co PP. A intención é que vexan o que pasa na rúa, que non perdan a visión. Quédame pena de que agora os da oposición, antes goberno, nin ten miran. A única que saúda é Mercedes Rosón. Hai resentimento. As directivas non teñen que estar co goberno nin coa oposición, senón cos veciños. As ideas son para ti, na asociación hai que aparcalas. As asociacións sobreviven cando os seus membros non teñen ambicións políticas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario