23 ene 2012

NYC, maNY faCes, maNY plaCes, de Niti Laíño

Esta fin de semana puiden por fin ver a exposición de fotos do meu compañeiro Niti no Centro Sociocultural do Ensanche de Santiago (ata o 30 de xaneiro, en febreiro estará no Centro de Vite). A exposición está formada por 35 fotografías en branco e negro tiradas en Nova York no ano 2009.

As fotos, dunha indubidable calidade, amosan unha cidade moi distinta á tópica, á turística, trazando un percorrido polo cotiá, pola vida diaria dunha xente inconsciente de formar parte do 'centro do mundo'. Esta capacidade do fotógrafo para fuxir da mirada vacua do turista (unha das pestes dos nosos tempos), para ser quen de descubrir a esencia da cidade, de calquera cidade, que reside nos detalles das súas rúas e nas miradas dos seus habitantes é para min o gran logro da súa obra. As fotos de Harlem son realmente extraordinarias, suxerintes e cheas de sensibilidade, obríganos a deternos e contemplalas devagar.

Unha exposición máis que recomendable, un pracer estético e unha auténtica viaxe sentimental á verdadeira cidade.

19 ene 2012

Taller de masaxes para bebés no barrio

O vindeiro 29 de Xaneiro, domingo, terá lugar no CSC da Pontepedriña un taller de masaxes para bebés, impartido por Cristina Carracedo, asociada e veciña do barrio.
Para asistir necesítase aceite corporal para os nenos. Por cuestións organizativas o aforo limítase a seis bebés coas súas respectivas familias, segundo orde de inscrición, que se pode facer no centro ou no correo da Asociación.
É unha boa ocasión para crear comunidade entre as familias do barrio que acaban de ter fillos.

CURSO PRÁCTICO DE INGLÉS

A Xunta Directiva da AV Pontepedriña organiza a partires do 2 de Febreiro, unhas xornadas semanais para practicar inglés, de xeito oral, intercambiando opinións con Amy, veciña norteamericana do barrio. Haberá dúas quendas, unha para xente nova (de dez a dezasete anos, aproximadamente), e outra para adultos. A información recóllese no cartel.

14 ene 2012

Plan de actividades do 2012

Achégase o plan de actividades correspondente ao ano 2012 que dende a xunta directiva propoñemos para a súa aprobación na Asemblea Ordinaria do 27 de Xaneiro.

2012 planActividadesAsociación

Convocatorias das Asembleas, Ordinaria e Extraordinaria

A finais de mes celebraráse a primeira Asemblea Ordinaria dos Socios da Asociación do ano 2012, e a continuación a Asemblea Extraordinaria correspondente á renovación dos cargos.

Convocatoria Asambleas AVV